- 14/11/2022

Tamén se acompañan as adhesións á solicitude aprobados polos plenos de varios Concellos de Ferrolterra como Ferrol, Narón, Ares, Neda ou Cabanas e por comités de empresa da comarca como o de Navantia Ferrol, Mercantabria SLU, EMAFESA, Serveo EOXI Ferrol ou a representación do persoal da piscina municipal da Malata. 

No acto do rexistro estiveron presentes o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a secretaria xeral de CCOO-Galicia, Amelia Pérez, Jorge Ulla, en representación de UGT, e Xabier Losada, en representación da CGT, quen coincidiron na necesidade de que se lle conceda o indulto a Pintos e se lle retire a pena na súa totalidade, ao entender que a súa condena pretende ser un escarmento á loita sindical e á mobilización social.

O secretario xeral da CIG engadiu que, aínda que a Audiencia Provincial acordou a suspensión da pena, "cómpre que verdadeiramente se faga xustiza co compañeiro Pintos e iso pasa porque o Goberno español, que ten esta potestade política, lle conceda o indulto". Porque, reiterou, reclamar xustiza para Pintos "significar defender os dereitos e as liberdades sindicais que tanto lle custou conquistar á clase traballadora".

O indulto como "símbolo de auténtica xustiza"

Carril subliñou que coa detención e o posterior procedemento xudicial "non se pretendía unha condena a Pintos como persoa individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as nosas condicións laborais e de vida”. Neste senso, encadrou a solicitude de indulto ao ex secretario da CIG de Ferrol “como símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, a defensa das liberdades e a posta en valor dunha vida de entrega militante na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos”.

Non hai que esquecer que a detención de López Pintos se produciu no marco dunha mobilización promovida polos comités de Navantia e da desaparecida Poligal en demanda de carga de traballo e o mantemento da actividade produtiva, coincidindo cun acto do PP ao inicio da campaña electoral ás autonómicas de 2012 e nun contexto de gravísimo deterioro laboral e industrial da comarca.