O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou hoxe a infraestrutura, acompañado das deputadas de Política Social, Mar García Vidal e Emprego, Rosa Ana García, e da directora do centro, Mónica Pérez, que explicou os detalles das obras de renovación integral deste parque de xogos para dar servizo aos nenos e nenas que atende o centro.
Formoso sinalou que estas obras responden ao compromiso adquirido na súa última visita ao centro para renovar o parque e facelo accesible aos menores algún tipo de discapacidade e sinalou que a nova infraestrutura "permite favorecer os procesos de inclusión no eido comunitario e educativo de nenos e nenas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade".
As obras, que contaron cun orzamento de 105.986 euros, consistiron na demolición e retirada do pavimento e equipamento do anterior parque, que se atopaba cun alto grao de deterioro e impedía o uso do parque.
A actuación incluíu a renovación completa das instalacións e a creación de dúas zonas diferenciadas por idades dentro das mesmas: unha para cativos e cativas de 0 a 2 anos e outra de 3 a 6 anos. Ademais, tamén se instalaron novos xogos, adaptados a persoas con discapacidade e mellorouse a accesibilidade do recinto.
O novo equipamento está dotado de: bambáns de diferentes idades, multixogos con tobogán e túnel, casiña de xogo, balancín, túnel, tobogán, paneis de lousa e actividades, teléfonos e saltadores.
Fóra do ámbito do parque, actuouse tamén na zona axardinada, onde se instalou un trono e varios tallos, que permiten novas formas de xogo, lectura ou celebracións infantís.
O centro conta cun equipo de trinta profesionais no ámbito social e educativo que atenden a un máximo de 70 menores. Ademais da manutención e a intervención socioeducativa cos menores e as súas familias, cóntase tamén cun Servizo Propio de Transporte financiado polo ente provincial para os desprazamentos dos menores desde os centros escolares.