CIG, CCOO, UGT e CGT rexistraban esta mañá na Delegación do Goberno da Coruña a solicitude formal de indulto para Xesús Anxo López Pintos, ex secretario da CIG de Ferrol que foi condenado pola Audiencia Provincial da Coruña por uns feitos ocorridos durante unha mobilización no ano 2012. Canda o escrito de solicitude, asinado polos secretarios/a xerais das centrais sindicais, achegáronse as 5500 sinaturas recollidas ao longo dos últimos meses en apoio á concesión do indulto e para que se faga xustiza co compañeiro Pintos.
|
Tamén se acompañan as adhesións á solicitude aprobados polos plenos de varios Concellos de Ferrolterra como Ferrol, Narón, Ares, Neda ou Cabanas e por comités de empresa da comarca como o de Navantia Ferrol, Mercantabria SLU, EMAFESA, Serveo EOXI Ferrol ou a representación do persoal da piscina municipal da Malata.
No acto do rexistro estiveron presentes o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a secretaria xeral de CCOO-Galicia, Amelia Pérez, Jorge Ulla, en representación de UGT, e Xabier Losada, en representación da CGT, quen coincidiron na necesidade de que se lle conceda o indulto a Pintos e se lle retire a pena na súa totalidade, ao entender que a súa condena pretende ser un escarmento á loita sindical e á mobilización social.
O secretario xeral da CIG engadiu que, aínda que a Audiencia Provincial acordou a suspensión da pena, "cómpre que verdadeiramente se faga xustiza co compañeiro Pintos e iso pasa porque o Goberno español, que ten esta potestade política, lle conceda o indulto". Porque, reiterou, reclamar xustiza para Pintos "significar defender os dereitos e as liberdades sindicais que tanto lle custou conquistar á clase traballadora".
O indulto como "símbolo de auténtica xustiza"
Carril subliñou que coa detención e o posterior procedemento xudicial "non se pretendía unha condena a Pintos como persoa individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as nosas condicións laborais e de vida”. Neste senso, encadrou a solicitude de indulto ao ex secretario da CIG de Ferrol “como símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, a defensa das liberdades e a posta en valor dunha vida de entrega militante na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos”.
Non hai que esquecer que a detención de López Pintos se produciu no marco dunha mobilización promovida polos comités de Navantia e da desaparecida Poligal en demanda de carga de traballo e o mantemento da actividade produtiva, coincidindo cun acto do PP ao inicio da campaña electoral ás autonómicas de 2012 e nun contexto de gravísimo deterioro laboral e industrial da comarca. |